Un novo ciclo de charlas sobre ‘Compostaxe Comunitaria’ aterriza en Compostela

29 · Setembro · 2025 | Accións, Compostaxe comunitaria

O vindeiro sábado 4 de outubro iníciase un novo ciclo de charlas sobre compostaxe comunitaria, que terán lugar nos centros socioculturais do concello de Santiago de Compostela. Durante o mes de outubro a veciñanza compostelá terá a oportunidade de coñecer máis de preto o funcionamento das illas de compostaxe, instaladas en diferentes puntos da cidade. Ademais, mentres os maiores escoitan e consultan dúbidas, os máis pequenos poden entreterse cun divertido obradoiro no que van aprender como elaborar un colector de pilas.

A continuación expóñense as datas, os horarios e os centros onde se levarán a cabo estas novas accións informativas sobre as illas de compostaxe comunitaria e o seu funcionamento, que despois da última ampliación xa suman un total de quince illas.

SÁBADO 4 DE OUTUBRO

  • CSC Almáciga ás 10:30h
  • CSC Casa Agraria ás 12:00h

SÁBADO 11 DE OUTUBRO

  • CSC Castiñeiriño ‘Agustín Bueno’ ás 10:30h
  • CSC Cornes ás 12:00h

SÁBADO 18 DE OUTUBRO

  • CSC Fontiñas ás 10:30h
  • Edificio CERSIA ás 12:00h

SÁBADO 25 DE OUTUBRO

  • CSC Santa Marta ás 10:30h
  • CSC Vidán ás 12:00h

O Concello de Santiago reforza así a aposta pola sostibilidade mediambiental cun proxecto de compostaxe que ocupa tres vertentes: a compostaxe individual, coa instalación de composteiros en vivendas unifamiliares con parcela; a comunitaria, e a industrial, a través do colector marrón.