A campaña Ti tes a chave, cuxo obxectivo pasa por difundir o uso do colector marrón en Santiago de Compostela, continúa a ampliar o número de persoas comprometidas coa compostaxe. Máis de 3.000 familias do municipio uníronse xa a este sistema sustentable para tratar os residuos domésticos de orixe orgánica.
Ti tes a chave, programa que se engloba en Santiago Sostible, marca aglutinadora do Concello de Santiago e Urbaser de todas as iniciativas vencelladas á recollida de lixo e á limpeza viaria no municipio- leva dende o mes de setembro desenvolvendo unha intensa campaña informativa para promover a compostaxe. Con esa meta de difusión, Ti tes a chave instala cada semana carpas itinerantes nas rúas de Santiago para informar a cidadanía e repartir os necesarios kits de benvida, conformados por cestos aireados, bolsas biodegradables e a chave dixital para abrir os colectores marróns.
Os primeiros barrios nos que actuou Ti tes a chave foron Vite e Fontiñas, para pasar axiña a espallarse polos outros barrios da cidade. Nesta medra de usuarios tivo moito que ver a implicación da Rede de Centro Socioculturais, xa que os seus diferentes espazos comunitarios acolleron ao longo dos últimos meses postos de difusión. A relevancia destes recintos públicos na campaña Ti tes a chave tamén queda patente no caso paradigmático do CSC Fontiñas, que se converteu no primeiro punto permanente de recollida de kits de benvida.