O Concello de Santiago de Compostela renova neste mes de xaneiro o sistema de recollida de lixo no casco histórico. O novo modelo implantarase cos obxectivos de modernizar, mellorar e actualizar o servizo, tanto para a veciñanza coma para a hostalería. Este mesmo xoves, 12 de xaneiro, principiará a instalación das illas de reciclaxe de quita e pon de uso para as vivendas e para o lixo miúdo de oficinas e comercios. No caso dos establecementos de hostalería, ao longo do mes de xaneiro, instaurarase a recollida porta a porta de todas as fraccións do lixo. Deste xeito, Santiago de Compostela continuará a avanzar cara a un modelo de cidade sostible no que a limpeza, o coidado, a protección do patrimonio e a implicación da cidadanía son pezas fundamentais.
O anovador sistema promovido dende Santiago Sostible, significará tamén un paso máis na conservación da zona histórica. As novas facilidades para depositar os residuos ou a retirada individualizada para a hostalaría erradicarán o bolseo do casco vello compostelá. A colocación de bolsas de lixo nos soportais, en diferentes recantos ou nas entradas dos edificios será unha estampa do pasado e ficará completamente prohibida. A desaparición desta práctica mellorará tanto a imaxe coma a hixiene do noso casco antigo, conxunto arquitectónico recoñecido como Patrimonio da Humanidade e que debemos coidar de forma colectiva.
A continuación detallamos os dous sistemas que entrarán en vigor neste principio de ano:
- Illas de reciclaxe de quita e pon. Trátase de espazos temporais para depositar o lixo por parte das vivendas e lixo miúdo de oficinas e comercio, que estarán en funcionamento en diversos puntos da zona vella e cun amplo horario, que vai dende as 19.00 ás 23.00 horas. Nesta franxa temporal, a veciñanza poderá depositar as diferentes fraccións de “Papel e Cartón”, “Vidro”, “Envases lixeiros”, “Orgánica” e “Restos”. As illas estarán a disposición da cidadanía a partir deste xoves día 12 nas seguintes localizacións:
- Praza da Algalia de Abaixo
- Rúa Salvador Parga
- Rúa de Santo Agostiño
- Praza de Mazarelos
- Praza de Cervantes
- Praza de San Martiño Pinario
- Praza de Praterías
- Praza do Toural
- Travesa de Fonseca
- Rúa das Carretas
Se algún edificio do Casco Histórico quixese contar cun colector propio pode solicitalo na web de Santiago Sostible, colectores que deberán ser sacados despois das 23.30 h e recollidos pola propiedade unha vez sexa baleirado.
- Recollida porta a porta. Os establecementos de hostalería do casco antigo tamén verán modernizada a recollida, baseada até agora principalmente no bolseo e na antiga empacadora de Fon
seca que xa foi desmantelada a finais do ano pasado. Os locais están a recibir nestes días os colectores para a reciclaxe da materia orgánica, envases e resto, que se suman ao vidro que xa se lle está a recoller e ao papel e cartón do que se crean dúas quendas de recollida, unha ás 20.30 h para o comercio e outra ás 23.30 h para a hostalería. Deste xeito, cada negocio poderá realizar unha correcta separación dos residuos, o cal facilitará a reciclaxe e o debido tratamento do lixo.
Unha vez que o reparto dos colectores estea rematado entrará en funcionamento a recollida porta a porta da hostalaría, consistirá nun servizo de frecuencia diaria con recollida de envases lixeiros a partir das 17.00h, papel e cartón a partir das 20.30h para o comercio e a partir das 23.30 h para a hostalería, e a fracción orgánica e resto tamén a partir das 23.30 horas.
Debido a retirada da compactadora de Fonseca, e ata que se instaure este servizo porta a porta, instalaranse uns colectores de xeito temporal, nos que se poderá depositar entre ás 19.00 e as 23.00 horas os desperdicios desta zona.
Con este novo plan, a recollida de lixo no casco histórico modernízase e adáptase á lexislación vixente. A súa posta en marcha conducirá a Compostela a lograr metas esenciais para o bo funcionamento e a convivencia da cidade como son a limpeza viaria, a corresponsabilidade na reciclaxe, a conservación do patrimonio e a sustentabilidade. Dende o Concello faise un chamamento á veciñanza para acadar a máxima implicación no proceso de adaptación e acadar así de forma colectiva un éxito que reverterá no noso benestar común.
Para calquera dúbida ou consulta, podes contactar co servizo a través de www.santiagosostible.gal ou no teléfono 981 565469.