Punto fixo de recollida no CSC de Fontiñas

14 · Novembro · 2022 | Sin categoría

A campaña ‘Ti tes a chave’ abre o primeiro punto fixo de recollida no CSC de Fontiñas tras sumar xa máis de 1.500 familias ao voluntariado marrón

‘Ti tes a Chave‘, campaña coa que o Concello de Santiago pon en marcha o seu Plan de Xestión de Materia Orgánica e promove a compostaxe, vén de instalar o primeiro punto fixo de recollida dos ‘kits de benvida’ no Centro Sociocultural de Fontiñas. Deste xeito, ‘Ti tes a Chave’ dá un paso máis ao poñer á disposición da cidadanía un espazo continuo para facer entrega destes packs de iniciación e a chave que abre os colectores marróns. Dende o arranque da campaña, máis de 1.500 familias uníronse á iniciativa do voluntario marrón.

Este novo punto de recollida, xa en funcionamento desde onte, terá o mesmo horario que o propio Centro Sociocultural de Fontiñas: os luns de 9 a 14 horas, martes a venres de 9 a 14 e de 17 a 21, e sábados, de 10 a 14 e de 17 a 21 horas. Nesta xornada de apertura, levouse a cabo tamén unha campaña de difusión para informar a todas as persoas interesadas sobre o voluntariado marrón, así como para informar dos beneficios da compostaxe e rexistrar os novos usuarios que queiran adherise a esta iniciativa. Esta campaña informativa dirixida á veciñanza repetirase no mesmo recinto os días 8 e 10 de novembro en horario de 16 a 18 horas.

Ampliación na zona norte

A colocación dos colectores marróns comezou a mediados de setembro en Fontiñas e Vite. Ambos os dous barrios serviron como experiencia piloto para analizar o funcionamento xeral, avaliar a súa aplicación, procurar solucións a calquera anomalía que se fose producindo e recadar información da veciñanza participante a través de enquisas de satisfacción. Grazas a experiencia, esta recollida específica de lixo orgánico foise espallando polo norte da cidade, entrando en funcionamento en San Lázaro, Salgueiriños, As Cancelas ou Vista Alegre. O obxectivo final é distribuír por todo o municipio en sucesivas fases máis de 500 dos colectores marróns.

Dende o arranca da campaña Ti tes a Chave, máis de 1.500 familias uníronse á iniciativa do voluntario marrón. Fixérono maioritariamente a través das carpas itinerantes de información que nas últimas seis semanas se instalaron en diferentes rúas. Todas elas recibiron o seu kit de benvida (conformado por un cubo aireado, tres atados de bolsas compostables e un folleto informativo) e a chave para abrir os colectores marróns, que contan cun feche de seguranza para impedir que se poidan botar neles residuos impropios que comprometan o proceso de compostaxe.

Etiquetas: