O teatro ‘De Luxo a Lixo’ chega a Santiago para abordar o abandono de voluminosos na rúa

31 · Maio · 2026 | Accións

O martes 2 de xuño ás 11:00h na rúa dos Feáns, diante da biblioteca Concepción Arenal, e ás 13:00h na Praza Roxa, realizarase esta actividade de teatro de rúa que interacciona con materiais voluminosos recollidos das rúas de Compostela.

¿Como nos relacionamos co que nos rodea? Cousas que usamos cada día, que forman parte da nosa vida, decoran o noso entorno e nos inflúen en cada acción e decisión ¿Que é delas cando decidimos que xa non valen? O que antes foi luxo, agora é lixo.

A partires dunha historia base o público será parte dunha reflexión, cunha visión divertida e dinámica, sobre como afectamos e nos afecta todo o que nos rodea.

Coa participación directa da xente que asista, preténdese reflexionar sobre como é vivir nun mundo no que todo é de usar e tirar; e despois informarase como desfacerse destes obxectos de xeito correcto e respectuoso.

Esta intervención teatral de 30 minutos de duración busca mostrar a través da vida dunha parella como é a nosa vida compartida cos obxectos desde que chegan a nós ata que decidimos deixalos ir. Música, humor, danza, malabares, un chisco de tolemia e a participación directa do público farán que poidamos escribir, literalmente, unha nova historia para os grandes obxectos da nosa vida.

Con esta obra esperamos chegar a un público universitario pero tamén a toda a cidadanía de Santiago que se achegue, xa que como se pode ver son milleiros os obxectos voluminosos que aparecen diariamente nas nosas rúas sen previo aviso.

Recollida de voluminosos e punto limpo móbil

Desde o Concello de Santiago e Urbaser lembran á cidadanía que en Compostela cóntase cun servizo de recollida de voluminosos a domicilio, sempre con previo aviso contactando a través do teléfono 981 565 469 para concertar o día, hora e lugar da vía pública onde se depositarán. O horario deste servizo é de 10:00h a 13:00h de luns a venres.

Por outro lado, a cidadanía compostelá conta con dúas alternativas para depositar os voluminosos dos que desexen desfacerse, unha delas é o punto limpo que está operativo de 10:50h a 14:00h e de 16:00h a 19:10h de luns a venres e de 10:50h a 18:10h os sábados. Ademais, tamén se poden depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na rúa no punto limpo móbil que está localizado en horario de 10:30h a 12:45h todos os sábados do mes en diferentes zonas de Santiago: o primeiro en Fontiñas, o segundo en praza Roxa, o terceiro en Virxe da Cerca e o cuarto en Castiñeiriño.

Un Santiago máis sostible é cousa de todos e todas, moitas grazas por colaborar!