O ano 2023 pechouse con alentadores datos no eido da xestión de residuos en Santiago. Deste xeito, é xa unha tonelada a cantidade de materia orgánica depositada diariamente no colector marrón, grazas á entrega de 4.000 chaves como parte do programa “Ti tes a chave”.
Doutra banda, son xa 1.000 os composteiros individuais repartidos pola cidade, logrando reunir 400 toneladas anuais de materia orgánica destinadas á compostaxe. Xunto a todo isto, proséguese coa instalación do quinto colector no centro urbano. Ademais, a separación de envases lixeiros incrementouse un 12% neste mesmo período, o que supón unha media diaria de 6.448 kg.
Resultados de éxito
Diante dos froitos das numerosas campañas de sensibilización de recollida selectiva de refugallos levadas a cabo durante os derradeiros 12 meses, faise preciso continuar con elas para que toda a veciñanza saiba separar correctamente e se reduza a materia mesturada para facilitar a súa xestión.
Á vista disto, a colaboración cidadá resulta fundamental xa que, malia que os datos son positivos, aínda existe marxe de mellora. Neste eido, é preciso incidir na necesidade de depositar os residuos a partir das 20 horas cara a evitar a acumulación durante o día, á parte de pregar os envases para que ocupen un menor volume.
Cifras optimistas
En total, 2023 saldouse coa recollida de 35.762.920 kg de refugallos nos colectores de resto; 2.353.360 kg de envases lixeiros; 349.040 kg de materia orgánica (FORSU), cun forte incremento no segundo semestre do ano; e 3.240 kg de pilas. Respecto a 2022, a diferenza é de 37.407.00 kg de resto (-4,5% de media diaria en 2023), de envases lixeiros 2.097.790 kg (+12,19% de media diaria en 2023), 35.600 kg de orgánico (+146%,39% de media diaria en 2023) e 3.000 pilas (+8% de media diaria en 2023).