Nova flota de limpeza viaria en Santiago

15 · Marzo · 2023 | Sin categoría

O Concello de Santiago presentou esta mañá na praza do Obradoiro unha parte da nova flota e a maquinaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos da cidade. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e Ángel Fajilde, técnico de Urbaser, presentaron o novo equipo do servizo, á espera da chegada nas próximas semanas de nove vehículos de recollida de carga lateral e tres vehículos de carga traseira.

“A maquinaria e o material que hoxe está aquí é unha mostra do equipo renovado, con vehículos 100% eléctricos e cero emisións para vivir nun Santiago Sostible, unha cidade limpa e respectuosa co medio ambiente”, explicou Mila Castro

“O servizo conta agora con vehículos sen necesidade de combustión, conseguindo así un servizo más eficiente e sostible, aumentando as frecuencias por toda a cidade e reducindo a contaminación”, engadiu Ángel Fajilde.

Un servizo que, logo de poñerse en marcha en maio de 2022, aplica de forma progresiva novas melloras para chegar a máis zonas, levando por exemplo os baldeos diarios habituais no Ensanche e na Cidade Histórica tamén aos barrios. Un baldeo que é diario, os 365 días do ano.

Por outra parte, xa desde mañá, xoves 16 de marzo, haberá un novo camión a gas que recollerá a fracción de envases dos establecementos de hostalería do casco monumental.

Entre as novidades, o Concello presentou hoxe cinco carros de varrido 100% eléctricos para o persoal encargado da limpeza urbana. A súa tracción eléctrica permite transportar o carro e a súa carga sen esforzo, facilitando e facendo máis eficiente o traballo.

Baldeo

Ademais incorporáronse ao servizo 32 carros de baldeo manual dun cubo; unha varredora de beirarrúas eléctrica; tres barredoras de aspiración de 2 metros cúbicos que son tamén 100% eléctricas; unha varredora de calzada sobre camión aspiradora (as outras 3 están pensadas máis ben para zona peonil e beirarrúas), e unha fregadora-varredora autopropulsada con máis dun metro de ancho de fregado.

Renováronse os tres vehículos de inspección, con furgóns tamén eléctricos, e hoxe na praza do Obradoiro estaba unha das cabezas tractoras, ‘Goupil eléctrica’, que son as que se encargan de poñer e retirar os semiremolques do quita e pon. Son semiremolques con 10 contedores internos e 5 fraccións de residuos.

“Con este contrato, de 7 millóns de euros, poñemos en marcha un renovado servizo, cun cambio total de toda a maquinaria e apostando polo vehículo eléctrico, respectuoso co medio ambiente, con baixo nivel de emisión de ruídos e facilitando o traballo das e dos profesionais que se encargan da limpeza viaria”, rematou Castro.

Etiquetas: