En Santiago de Compostela xa hai máis de mil composteiros individuais instalados

10 · Abril · 2023 | Sin categoría

O Plan de Xestión de Materia Orgánica, iniciativa enmarcada no proxecto Santiago Sostible, continúa avanzando co obxectivo de impulsar a compostaxe no noso municipio. Dentro das súas liñas de actuación, neste momento xa se superan os mil composteiros individuais entregados entre a veciñanza do rural, arredor de 500 deles instalados nos últimos doce meses. Calquera interesado pode sumarse a esta cifra mediante o formulario da nosa web.

A través desta inscrición, calquera persoa empadroada en Santiago que conte cunha parcela de máis de 50 metros cadrados recibirá un kit gratuíto formado por un composteiro, un termómetro, un aireador e un manual. Ademais, inclúese unha formación específica para poder producir compost de xeito individual.

Esta iniciativa permite transformar certos residuos de orixe orgánica en compost para empregar como abono. Para isto cómpre separar os restos de froita e verdura, restos de carne e peixe, cunchas de marisco ou froitos secos, restos de pan, restos de café e infusións, papel branco de cociña, restos de plantas ou tapóns de cortiza. Toda esta materia orgánica deposítase no composteiro para dar lugar despois ao proceso de compostaxe.

Se tes interese en sumarte, cubre o noso formulario ou ponte en contacto connosco a través do teléfono 981 565 469 ou do correo electrónico info@santiagosostible.gal.

Etiquetas: