Na súa andaina a prol da sostibilidade, o Concello de Santiago vén de instalar seis novas illas para a compostaxe comunitaria na cidade. A partir de agora, os veciños e veciñas da contorna dos parques Eugenio Granell, O Vieiro e San Lázaro e das rúas Volta do Castro, Mónaco e Federica Montseny poderán diminuír a súa pegada ecolóxica reciclando os seus refugallos orgánicos nestas localizacións.
De libre acceso para quen desexen facer emprego delas, con estas son xa dez as illas comunitarias existentes na vila, engadindo as catro anteriormente activas en Galeras, Romaño, Salgueiriños e Santa Marta. A ubicación de todas elas pode consultarse en santiagosostible.gal.
Baixo demanda
Ademais, o Concello abre a posibilidade de que a veciñanza solicite telematicamente a instalación de novas illas próximas ao seu domicilio, a fin de achegar a reciclaxe á cidadanía para lograr o seu compromiso coa contorna. De consideralo oportuno, unicamente deberán cubrir o formulario de presente na devandita web e a súa proposta estudarase para vindeiras actuacións neste eido.
Como espazos de compostaxe, nos colectores das illas poden desbotarse residuos orgánicos tales como sobras de froita, verdura, carne, peixe, cunchas de marisco, froitos secos, pan, restos de café e infusións, plantas, papel de cociña e tapóns de cortiza.
Innovación cara a eficiencia
A iniciativa enmárcase dentro de Santiago Sostible, un proxecto conxunto entre o Concello de Santiago e Urbaser que procura unha xestión máis eficiente dos residuos urbanos e da limpeza viaria na vila compostelá, con innovadoras propostas como os puntos limpos móbiles ou a recollida de voluminosos a domicilio.