Santiago Sostible, a marca paraugas para todas as iniciativas relacionadas co servizo de limpeza viaria e de recollida de lixo no Concello de Santiago, mantén aberta até o 31 de outubro unha enquisa dixital entre a veciñanza para a futura ampliación da compostaxe comunitaria no municipio compostelá. Esta consulta, á que se pode acceder a través da web www.santiagosostible.gal, servirá para determinar en que puntos da cidade se instalarán as novas “illas de compostaxe”.
Deste xeito, decidirase de forma colectiva o emprazamento dos novos espazos para que os santiagueses e santiaguesas que xa están comprometidas coa compostaxe poidan depositar os seus residuos. Na actualidade, a Concellería de Medio Ambiente mantén catro destas “Illas de compostaxe” en Santa Marta, Salgueiriños, Galeras e Romaño, sendo a deste último barrio o que entrou en funcionamento máis recentemente.
A compostaxe é un sistema de tratamento de residuos que implica a participación cidada ná xestión dos residuos orgánicos. Reporta amplos beneficios tanto ambientais coma sociais, ao tempo que é un claro exemplo do funcionamento e do retorno que implican os procesos da economía circular.