Máis de 800 familias súmanse ao voluntariado marrón na segunda semana da campaña ‘Ti tes a chave
Un total de 803 familias, que suman máis de 2.500 veciños e veciñas dos barrios de Vite e Fontiñas, uníronse ao voluntariado marrón na segunda semana de Ti tes a Chave, campaña coa que o Concello de Santiago de Compostela inicia a posta en marcha do Plan de Xestión de Materia Orgánica e promove a compostaxe.
A iniciativa Ti tes a chave -que se engloba en Santiago Sostible, marca paraugas para todas as actividades e proxectos relacionados coa limpeza viaria e de recollida de lixo no municipio compostelán- está a instalar carpas itinerantes polas rúas destes dous barrios composteláns para informar sobre o colector marrón e entregarlle á veciñanza interesada o kit de benvida. Este pack para iniciarse no voluntariado marrón está conformado por un cubo aireado, tres atados de bolsas compostables e un folleto informativo, así como tamén pola chave electrónica que permite abrir os colectores específicos.
Cómpre lembrar que estes contan cun feche de seguridade para evitar que se introduzan por erro materiais impropios que estraguen o proceso polo cal a material orgánica se transformará en abono nunha planta de compostaxe.
Experiencia piloto
Ti tes a chave está a desenvolver unha fase inicial de información, distribución e sensibilización para a implantación do colector marrón en Vite e Fontiñas. Estes son os barrios escollidos para realizar unha experiencia piloto da que se extraerán datos sobre o funcionamento, manexo e adaptación da veciñanza implicada para a súa posterior análise. Estes serán os primeiros pasos que se darán dende Santiago Sostible para espallar posteriormente esta iniciativa ao conxunto do municipio e instalar máis de 500 colectores marróns no futuro.
A carpa de información e distribución do kit de benvida, na que se rexistraron máis de mil persoas nos dous días que permaneceu aberta nos amentados barrios, volverá o vindeiro mércores, 28 de setembro, a poñerse a disposición da cidadanía. Ese día, entre as 10.30 e as 13.30 horas, situarase na Avenida Castelao (Vite). Xa pola tarde, de 16 a 19 h, trasladarase a Rúa Berlín (Fontiñas).
‘Santiago Sostible’
Santiago Sostible é o proxecto que se puxo en marcha dende o Concello de Santiago para a xestión do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo, un servizo de grandes dimensións que leva aparellado o cambio de 2000 colectores e a incorporación de 22 camións cero emisións, que funcionarán a gas natural, 17 deles recolectores, entre outra maquinaria eléctrica que reducirá a contaminación acústica nas rúas.
A través da web santiagosostible.gal faise máis accesible a información e permítese simplificar certos trámites como por exemplo a solicitude destes composteiros, ademais de poder achegar dúbidas e suxestións ou contactar co servizo de recollida de voluminosos a domicilio, entre outros asuntos. A través desta web, os usuarios e as usuarias dos barrios de Vite e Fontiñas tamén poden solicitar o seu kit de benvida. Outra vía para informarse sobre a campaña e as súas condicións é o telefono 981 56 54 69, ao que se pode chamar en horario de 09.00 a 14.00 horas
UN SANTIAGO MÁIS LIMPO E SOSTIBLE É COUSA DE TODOS E TODAS.